Friday 03 de May de 2024

Mercado de Nadal en Moeche


Mercado de Nadal que se desenvolveu en Moeche durante toda esta xornada cunha boa afluencia de público e tamén boas vendas de todo o que ofrece: produto fresco e elaborado -principalmente alimentación e doces relacionados con estas festas-, artesanía e agasallos.

Ademais durante todo o día desenvolveronse obradoiros e, exposicións e demostracións ao vivo moi diversas, como a mostra de cestaría e artesanía en madeira da Asociación veciñal Val de Moeche, os traballos ao torno da Asociación de Amigos da Madeira das Pontes ou as pezas que está tecendo con bolillos a artesá Rosa Méndez.

Alén destas mostras, o contido paralelo do mercado foi dirixido principalmente á rapazada. Ás 12:00h houbo un obradoiro de bombóns dirixido por Chocolates Moreno, ás 12:30h abriu o circuíto de educación viaria e para as 16:30h tamén se programou unha actividade de creación artística na que cumprirá inscribirse ata uns minutos antes do comezo.

As propostas para público infantil e familiar complemetáronse ao longo da tarde coa exhibición de hip-hop e baile moderno das escolas de danza estética da Asociación Cultural Brío -17:00h.- que tras un breve descanso lle dará paso ao espectáculo Maxia @Temporal do mago Charlangas (18:00h).

Cómpre mencionar, por último, que durante todo o día permaneceu en San Ramón un paxe enviado polos Magos de Oriente para recoller as cartas das nenas e nenos e que a ANPA do CEIP San Ramón tamén disporá dun espazo para vender xoguetes e libros en bo estado doados pola veciñanza -a recollida finaliza este xoves-, de cara a financiar a festa de Reis que se desenvolverá no recinto o domingo 2 de xaneiro. Parte das doazóns entregaránselle ao Concello para que llas faga chegar a familias con escasos recursos.